jueves, 1 de diciembre de 2011

Aprendendo a usar a folla de cálculo

As follas de cálculo permítennos crear táboas de datos para facer cálculos máis ou menos complexos sobre ese conxunto de datos. Ademais podemos presentar esa información a través de gráficas de moitos tipos. Coñecendo as diferentes opcións das follas de cálculo podemos resolver complexos problemas matemáticos e incluso hai usuarios que programan xogos.
 


Para comezar a empregar a folla de cálculo imos proceder cunha serie de exercicios:

  1. Folla de cálculo: primeiros pasos.
  2. Folla de cálculo: referencias absolutas
    1. Exercicio: Tarifa Luz
  3. Folla de cálculo: resolvendo ecuacións
  4. Folla de cálculo: representación de funcións I.
  5. Folla de cálculo: representación de funcións II.
  6. Folla de cálculo: gráficas circulares
  7. Folla de cálculo: outras funcións I.



jueves, 27 de octubre de 2011

As plantas

Vouvos propoñer unha serie de actividades para facer en internet. Con elas podedes aprender moito sobre as plantas.




Podedes comezar co seguinte enlace:

          As plantas en Averroes.

Neste enlace terás que ir facendo as actividades propostas para sumar puntos. Pincha en "Clasificación", "sus partes". "reproducción"... lee o texto e completa cada actividade. Ao final tes que conseguir 60 puntos!!! non será nada sinxelo!!! 

Se remataches as actividades anteriores é que eres unha máquina! proba a completar as 17 preguntas que atoparás aquí.

miércoles, 12 de octubre de 2011

A Singularidade

Coñécese como Singularidade Gravitatoria ao punto, dentro dun burato negro, onde as leis físicas deixan de ser aplicables. Chegados a un punto moi cercano ao centro do burato, punto coñecido como horizonte de sucesos, resúltanos imposible obter información do que ocorre alí dentro, xa que a propia luz é incapaz de fuxir da inmensa atracción gravitatoria do burato. Pero non é destas singularidades das que quero falar...
Tamén se coñece como singularidade ao punto onde unha función faise infinita, pero de novo non desexo falarvos de singularidades matemáticas, teoremas, demostracións, álxebras estrañas...

 Non desexo espallarme nun sinfín de comentarios técnicos ou nunha interminable mención de xente como John Von Neumann, Alan Turing, Vernon Vinge, etc... quedareime con dous nomes importantes: Moore e Kurzweil.

Pero ¿de que estamos a falar? Estamos a falar de Intelixencia Artificial, dun desenrolo tal que as máquinas sexan máis intelixentes que o home, que sexan elas as encargadas de diseñarse a si mesmas e elas as que fagan avanzar á ciencia... e como algúns autores suxiren, do fin da humanidade... estamos a falar de Futuro, e non dun futuro moi lonxano, non do futuro que verán os fillos dos nosos fillos, senón un futuro que nós mesmos chegaremos a albiscar.

Todo comezou alá polos anos 50 e 60, co desenrolo dos primeiros microprocesadores, e coa coñecida lei formulada por Gordon Moore, cofundador de Intel, na que apuntaba que a capacidade dos novos equipos duplicábase cada 18 meses aproximadamente. Os anos pasaron, apareceron barreiras aparentemente insalvables no desenrolo, xurdiron novas tecnoloxías, e a lei de Moore continúa cumpríndose. El mesmo afirma que, tal vez, en 10 ou 15 anos deixe de ser válida, debido ao límite na reducción do tamaño dos compoñentes e aos problemas de disipación de calor, pero outras tecnoloxías apuntan que poden ser a solución (redes neuronais, procesadores cuánticos, etc).

As veces non somos conscientes de todos os cambios que vivimos, ten que vir Coca Cola cos seus anuncios para que nos plantexemos como cambiou a informática e as telecomunicacións dende que eramos rapaces ata agora ¿que foi dos ordenadores spectrum e as cintas de audio para almacenar programas? ¿o teléfono fixo? ¿os urxentes telégrafos? ¿as dúas canles de televisión? ¿e a domótica? xa podemos controlar moitos procesos das nosas casas a distancia ou mediante programación e sensores. ¿os cables, que está sendo dos cables? Fai uns anos apareceu a Wii co seu ultramoderno sistema de control, agora aparecen nas feiras de videoxogos controis que deixan á Wii nun mero prototipo similar á machada de pedra comparada coas máis modernas e ergonómicas.



¿e que está a ocorrer coa intelixencia artificial? Ate fai pouco, os ordenadores non podían competir co inxeño humán, agora Kasparov xa sabe que non debe voltar a enfrontarse cunha nova máquina, os procesos de deseño electrónico serían imposibles sen simuladores e software específico, a producción industrial tamén se atopa altamente automatizada e robotizada. E aquí aparecen figuras como Vinge ou Raymond Kurzweil, que predín que, en breve, 2030 ou 2040 crearemos unha computadora "intelixente" capaz de deseñar unha nova computadora de xeito mellor ou superior ao que sería capaz un ser humán... e claro, a nova computadora sería capaz de deseñar unha mellor que a anterior... e así sucesivamente. Estamos a falar da Singularidade, onde o ser humán xa non é o causante do desernolo, as máquinas toman o control do mesmo, produciríanse avances científico-tecnolóxicos que quedarían rápidamente fóra da nosa capacidade de comprensión.


Within thirty years, we will have the technological means to create superhuman intelligence. Shortly after, the human era will be ended [Vernor Vinge]



Existen varios resultados preditos para a humanidade unha vez superemos o horizonte de sucesos da Singularidade Tecnolóxica, entre eles o final brusco da humanidade ao estilo Terminator, ou un final diferente, sendo relegados a sermos unha raza inferior, igual que insectos ou ratos, que conviven en inferioridade na sociedade das máquinas. Tamén temos o futuro predito por Raymond Kurzweil. Ray Kurzweil é coñecido como CyberNostradamus por ter predito numerosos avances científicos, é tecnólogo e futurólogo de recoñecido renome. Para comezar cree cegamente na Singularidade, e cree que esta non rematará coa humanidade senón que levará a interfaces cibernéticas e combinará a xenética coa nanorobótica para crear un ser transhumano, superior, que vencerá en primeiro lugar ás enfermidades, despois ao envellecemento, e por último faráse inmortal. E está tan convencido de que chegará a vela que comezou un réxime específico, reducindo a inxesta de azúcares, comendo só productos de procedencia orgánica, e tomando 150 píldoras de complementos diarias. Faise analíticas constantemente e, dende que comezou coa súa "locura" os resultados son máis que satisfactorios, resultando nun retardo do envellecemento duns 10 anos. Ademais, por se acaso, mercou unha praza no crioxenizador ALCOR.

A ficción xa retratou estes escenarios, unha das posibilidades da Singularidade é que as redes de computadores tomen conciencia de si mesmas, algo xa retratado por Arthur C. Clarke nun breve relato chamado Marque F de Frankenstein, relato moi curto, escrito a principios dos anos 70, cando internet estábase xestando no ámbito militar. Seguro que todos pensáchedes en Terminator, Blade Runner, IA, Gattaca... A onde chegaremos non se sabe, pódese intuír, pero o que está claro é que veremos e viviremos cousas que non nos imaxinamos aínda, que cada vez a tecnoloxía e a ciencia van máis rápido e que as máquinas xa están aquí, o único que precisan é enerxía, e nós, coma pequenos servos aplicados, andamos argallando as formas de conseguir enerxía barata e inesgotable.

Máis información en: SINGULARIDAD TECNOLÓGICA Y TRANSHUMANISMO: CUANDO LA CIENCIA SE ENCUENTRE CON LA FICCIÓN Por Federico G. Witt, e unha entrevista de Punset en Redes con Ray Kurzweil (media hora).

domingo, 12 de junio de 2011

Impresoras en 3D

Parece que foi onte cando comezaron a xurdir as eficientes e vistosas impresoras en cor, revolucionando os nosos traballos, documentos, apuntes... dádonlles unha nova apariencia. Pois unha nova revolución está a impoñerse no mundo do deseño industrial, as impresoras en tres dimensións. Esta técnica coñécese co nome de estereolitografía.

De qué estamos a falar? 

Ben, estamos a falar de máquinas que, conectadas a un programa de CAD, introducen os datos do deseño e, capa a capa, empregando diferentes métodos, elaboran unha maqueta do noso proxecto. Algunhas incluso inclúen cartuchos de tinta para deixar a maqueta completamente coloreada e detallada.

O proceso destaca pola súa sinxeleza. En primeiro lugar deseñamos o obxecto mediante un programa de deseño asistido por ordenador (CAD). Unha vez rematado, conectámolo á impresora. O resto é todo automático, a máquina encárgase de analizar o deseño, dividilo en capas e reproducilo. Normalmente os modelos saen listos e rematados. Existen varias técnicas, inxección de plástico, polímeros fotosensibles que se endurecen mediante laser, LOM (capa a capa sobre metal)...
A súa demanda aumenta, o seu prezo baixa, facendoas adsequibles para  empresas de tamaño medio, onde se produzan varios prototipos ao ano. Inda así, seu prezo non baixa dos 15.000 euros, e a reposición do material tampouco resulta económica. Isto provocou a aparición de empresas adicadas a imprimir  os deseños dos demais. Calquera persoa que teña unha idea innovadora, unha mellora dalgún produto, ou, simplemente un deseño propio co que desexe adornar a súa casa, pode acudir a algunha destas empresas e obter a súa maqueta por un prezo máis que aceptable.

Un dos métodos máis vistosos é o que emprega un polímero fotosensible que se endurece cando incide unha luz laser sobre el. A impresora vai poñendo capa tras capa de polímero en po, endurecendo só a parte que se corresponde co modelo, para, ao final, ter o modelo sumerxido no resto do polímero. O po restante é perfectamente aproveitable para un próximo modelo, co cal non se desperdicia. Ímolo ver moito máis claro no seguinte vídeo:



Outro método consiste en extruír lámina a lámina o material, como se fose  unha manga pasteleira. O resultado é espectacular, como podemos ver no seguinte vídeo a cámara rápida:


Esto non é todo, podemos atopar máquinas que realizan os nosos modelos en aceiro inoxidable ou noutros metais, obtendo obxectos moito máis resistentes e durareiros. Podemos facer que nos impriman e nos manden o noso propio deseño na empresa Shapeways.

domingo, 30 de enero de 2011

Alma Grande

Ollo por ollo e o mundo quedará cego”

Esta é unha das miñas citas favoritas. Pon de manifesto a inutilidade da violencia como camiño para unha sociedade moderna, libre, próspera e aberta. O emprego da violencia, as vinganzas, a famosa lei do Talión, non leva máis que a unha espiral de violencia, ao medo, á sumisión, aos fanatismos… sen dúbida o único xeito de evitar esa retroalimentación onde a propia violencia chama a máis violencia, é o camiño da Paz. E, ademais, é aplicable tanto ás pequenas situacións cotiás das nosas vidas coma aos grandes conflitos internacionais que estoupan polo mundo adiante. Tanto se recibes unha ofensa por parte do teu veciño, onde contestar cunha nova ofensa pode desencadear en novos enfrontamentos, cada vez máis graves; coma no caso de comunidades enteiras, católicas, musulmás, brancas, negras, chinesas, crentes, ateas… a violencia nunca pode ser a solución.

A frase é de Mohandas Karamchand Gandhi (1869-1948), un simple home cuxa loita pacífica polos dereitos humáns transcendeu fronteiras e épocas, facendo historia. Nado na India colonial británica, estudou en Londres Leis e viaxou a Sudáfrica para traballar. Alí foi testemuño do trato vexatorio e discriminatorio que sufrían os cidadáns hindús por parte dos británicos. Dedicouse entón en corpo e alma a loitar contra a desigualdade, primeiro en Sudáfrica, onde estivo 21 anos e onde desenvolveu a súa teoría ou estratexia, a Satyagraha, consistente na loita pacífica, a desobediencia civil, a non-violencia, a coraxe e a verdade. A continuación foi a India (1915) para liderar o partido nacionalista hindú, loitando pola independencia sempre en base á Satyagraha. Logo de moitas marchas pacíficas, folgas de fame, rebelións, concentracións e negociacións, acadouse a independencia e a colonia dividiuse en dous países: India e Pakistan.

Pero a independencia non trouxo a Paz. Unha nova loita xurdiu, os enfrontamentos entre hindús e musulmáns, e, para deter o derrame de sangue, Ghandi, con 78 anos, comezou unha nova folga de fame. Para salvar ao heroe nacional, tras cinco días chegouse a un acordo para deter os enfrontamentos. Doce días máis tarde, un fanático hindú que se opoñía á tolerancia e convivencia entre relixións, asasinaba a Gandhi. Era o día 30 de Xaneiro de 1948. Por iso, tódolos 30 de Xaneiro, conmemórase o día da Paz, en honra a Mohandas Karamchand Gandhi, máis coñecido polo pseudónimo de “Mahatma”, que significa “alma grande”.

Non deixes que morra o Sol sen que haxan morto as túas xenreiras”