“Ollo por ollo e o mundo quedará cego”
Esta é unha das miñas citas favoritas. Pon de manifesto a inutilidade da violencia como camiño para unha sociedade moderna, libre, próspera e aberta. O emprego da violencia, as vinganzas, a famosa lei do Talión, non leva máis que a unha espiral de violencia, ao medo, á sumisión, aos fanatismos… sen dúbida o único xeito de evitar esa retroalimentación onde a propia violencia chama a máis violencia, é o camiño da Paz. E, ademais, é aplicable tanto ás pequenas situacións cotiás das nosas vidas coma aos grandes conflitos internacionais que estoupan polo mundo adiante. Tanto se recibes unha ofensa por parte do teu veciño, onde contestar cunha nova ofensa pode desencadear en novos enfrontamentos, cada vez máis graves; coma no caso de comunidades enteiras, católicas, musulmás, brancas, negras, chinesas, crentes, ateas… a violencia nunca pode ser a solución.
A frase é de Mohandas Karamchand Gandhi (1869-1948), un simple home cuxa loita pacífica polos dereitos humáns transcendeu fronteiras e épocas, facendo historia. Nado na India colonial británica, estudou en Londres Leis e viaxou a Sudáfrica para traballar. Alí foi testemuño do trato vexatorio e discriminatorio que sufrían os cidadáns hindús por parte dos británicos. Dedicouse entón en corpo e alma a loitar contra a desigualdade, primeiro en Sudáfrica, onde estivo 21 anos e onde desenvolveu a súa teoría ou estratexia, a Satyagraha, consistente na loita pacífica, a desobediencia civil, a non-violencia, a coraxe e a verdade. A continuación foi a India (1915) para liderar o partido nacionalista hindú, loitando pola independencia sempre en base á Satyagraha. Logo de moitas marchas pacíficas, folgas de fame, rebelións, concentracións e negociacións, acadouse a independencia e a colonia dividiuse en dous países: India e Pakistan.
Pero a independencia non trouxo a Paz. Unha nova loita xurdiu, os enfrontamentos entre hindús e musulmáns, e, para deter o derrame de sangue, Ghandi, con 78 anos, comezou unha nova folga de fame. Para salvar ao heroe nacional, tras cinco días chegouse a un acordo para deter os enfrontamentos. Doce días máis tarde, un fanático hindú que se opoñía á tolerancia e convivencia entre relixións, asasinaba a Gandhi. Era o día 30 de Xaneiro de 1948. Por iso, tódolos 30 de Xaneiro, conmemórase o día da Paz, en honra a Mohandas Karamchand Gandhi, máis coñecido polo pseudónimo de “Mahatma”, que significa “alma grande”.
“Non deixes que morra o Sol sen que haxan morto as túas xenreiras”

